Chegar a un pobo novo e abrir a porta da sua igrexa é para os fieis todo un acontecemento. Non te coñecen, es nova para a media de idade que se move por eses ambientes, entras e saes cando queres...
Un dia entran pola porta a ver que estás facendo e alí estás, subida ó andamio ante o altar maior, coa mascarilla posta, os focos alumándote e de paso recocéndote, morta de calor ou de frío, segun a época, comendo cos ollos unha pequena escultura...
"Ai! estades pintando!". Así empezan todos. E a todos intentas explicarlles que non pintas, que restauras, que non é o mesmo.
E moitos collen o costume de visitarte unha vez á semana, para ir controlando os traballos.
Logo empezan a vir día sí, dia non.
Un día cóntanche unha historia pequena, sin importancia.
Ó seguinte traen á súa muller para que a coñezas.
E de pronto un día caes na conta de que a visita xa é diaria y de que a esperas con moitas ganas.
Así coñecín a Marselo da Rabela.
Marcelino Garcia Lariño é un poeta. Dos que quedan poucos.
Ós seus oitenta anos ten unhas enormes ganas de vivir, e unha gracia infinita contando contos e chistes.
Viñanos ver todos os días á pequena igrexa da Virxe do Camiño en Muros, onde botamos dous anos sacándolle brillo e "pintando" esculturas e retablos. Son moitas visitas diarias... e foi unha das mellores épocas da miña vida.
Tiña un andar pausado e tranquilo. O corazón non lle permitía moitos esforzos, así que tomaba a vida con tranquilidade, sobre todo os días de calor do verán.
O que maís lle gusta nesta vida é falar, e contar historias. E deixounas por escrito, nun fermoso libro que se chama Anaquiños da Vila e que gardo cunha fermosa dedicatoria na miña estantería coma se fose un tesouro.
E a vila de Muros, que tanto quere, decidiu outorgarlle a Medalla da Vila en recoñecemento á súa persoa, ó seu amor polo pobo, porque o merece e porque coa súa honra engrandecemos ao Concello, que desta maneira queda tamén honrado. E mañán vanlla entregar.
Últimamente a saúde estalle xogando malas pasadas, o seu corpo está cansadiño e as visitas ó hospital son cada vez máis frecuentes. Pero mañá quere falar, cómo non! e seguro que o fará tan ben coma el sabe facer. Seguro que contará algunha historia... e eu penso estar alí para velo.
Noraboa, Marselo!
Loor ao excelentísimo señor cónsul de Varadero!
ResponderEliminar